inicio cine-teatro Tiruleque O grupo

TIRULEQUE




MEMORIA DE ACTIVIDADES

TIRULEQUE, Grupo de Teatro, é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que, dende a súa fundación no ano 1985 (oficialmente no 1988) ven desenvolvendo distintas actividades, con participación activa na cultura do Carballiño, non só con actos propios, senón tamén axudando a outras entidades para mellorar no que se poda toda caste de actos culturais. Por eso véñense tocando tódalas frontes posibles, incluíndo actividades para nenos, dende os máis cativos ata estudiantes de bacharelato - FP ou xubilados. Con algúns momentos de inactividade, altérnanse outros de traballo a reo en tódolos eidos da cultura nos que se poda axudar ou emprender camiño. Ata o de agora, un breve resumo das actividades da asociación sería o seguinte:

Naceu TIRULEQUE ó abeiro da Comisión Cultural do Casino do Carballiño, cando o seu primeiro director Euloxio Alonso Rivera, preparou a un grupo de xente, nenos, mozos e adultos, que deron os seus primeiros pasos con cursiños de expresión corporal, ortofonía a e preparación de dúas obras no seu ano de fundación. Durante este tempo o grupo de teatro actúa e participa nun importante feito cultural: A Primeira Roda Provincial de Teatro, feita en Ourense, organizada pola Coordinadora Aberta de Teatro Afeccionado Galaico-Portugués. Actividade patrocinada pola Deputación de Ourense.

No seguinte ano,1986, Euloxio Alonso Rivera ten que deixa-la dirección por mor do seu traballo profesional e faise cargo da mesma Xosé Prada Martínez, quedando o grupo de teatro formado soamente por mozos e adultos.

Nos seguintes meses hai unha chea de actividades sen vagar e folganza, destacando os cursiños de Maquillaxe teatral e de Dirección Escénica, impartido este último por Eduardo Alonso, fundador do Centro Dramático Galego.

En 1988, TIRULEQUE deixa a titoría do Casino do Carballiño, se ben segue a manter unha boa relación coa devandita entidade. Coa súa independencia comeza tamén a súa vida oficial e administrativa ó aprobarse os seus estatutos polo que daquela era o Goberno Civil, dándose de alta no Rexistro de Entidades Culturais de Galicia.



RESUMO DE ACTIVIDADESOs Vellos non deben de namorarse (1985 - 1986)

- REPRESENTACIÓNS DE TEATRO:

- OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE (1985 -1986) A. Rdgz. Castelao

- XIGANTE EGOÍSTA (Adaptación) Infantil (1985) Óscar Wilde

- XORNADA MÉDICA (Infantil) (1985)

- A FARSA DAS ZOCAS (1987) Carballo Calero

- MOURENZA (23 de Abril de 1988) Cotarelo Valledor

- VELLO CELOSO (23 de Abril de 1988) Miguel de Cervantes (adaptada ó galego por Xosé Prada Martínez)

- MIL PESOS PARA CARMIÑA (26 de Outubro de 2001) Adaptación de Asinaria de Plauto, feita polo propio grupo.

- SILICON VALLEY (5 de Xullo de 2003) de Xosé Prada Martínez

- ROMA ¡UNA TOLERÍA! (7 de Xullo de 2006) Baseada na Farsa Plautina de Agustín Magán Blanco.

Adaptación de Xosé PradaOs Vellos non deben de namorarse (1986)


- ORGANIZACIÓN DE ACTOS CULTURAIS:


- Teatro de Marionetas para Nenos, cos grupos de Tanxarina, Xalgarete e Trécola

- Numerosos Recitais de Poemas e Conta-contos.

- I Mostra da Palabra. Concurso de Poemas e Relatos Curtos en galego, e a súa exposición oral, no medio dunha festa literaria aberta ó público nas rúas. 1993.

- II Mostra da Palabra. Concurso de Poemas e Relatos Curtos en galego, e a súa exposición oral, no medio dunha festa literaria aberta ó público nas rúas. 1994.

- Cursos de Dirección Escénica, Técnica de Maquillaxe e de Interpretación 1988, 1989, 1990.

- Cursos de Interpretación na Escola Municipal de Teatro do Carballiño, anos 1994, 1995, 1996, 1998, 1999, 2000. 2001 e 2002

- Estrea de As alegres comadres de Windsor no Auditorio do Carballiño. Compoñentes de Tiruleque, asistentes ó curso, poñen en escena unha adaptación dirixida por Josi Lage, xunto co resto dos alumnos da Escola Municipal de Teatro do Carballiño, curso 2000-2001

- Recital de Poemas, 8 de Marzo 2002, no Casino do Carballiño.

- Curso de Clown coa Escola Municipal de Teatro do Carballiño, curso 2001-2002.

- Estrea de Hamlet. Compoñentes de Tiruleque, poñen en escena unha tramposa adaptación dirixida por Jouse García, xunto co resto dos alumnos da Escola Municipal de Teatro do Carballiño. Curso 2001-2002. Data de estrea o 28 de Xuño de 2002 no Auditorio Municipal do Carballiño.

- Lectura dramatizada do obra “María Fernández”, xoguete cómico en tres actos de Muñoz Seca e Pérez Fernández, baixo a dirección de Jouse García, conmemorando o cincuentenario da súa representación no Carballiño e do Día Mundial do Teatro.

- Cursiño de Expresión Corporal e Commedia dell’arte impartido por Jouse García, profesor da Escola Municipal de Teatro do Carballiño, en Marzo de 2004.

- Cursiño de Iluminación Teatral de 16 horas organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado e celebrado no Auditorio de Cangas do Morrazo, os días 25 e 26 de Xuño do ano 2005. Impartido por J. Salvador Del Río Pérez, actor profesional de Llullu Teatro e Teatro de Ningures, con ampla experiencia no desexo de iluminación e manexo de equipos técnicos.

- Membros de Tiruleque, participan no elenco artístico, actuando nas curtametraxes “D. E. P. (Descansar en Paris)” “LENTURA” e “GALIZA”, ó carón de actores profesionais, como Jouse García, Josi Lage, Dorotea Bárcena, Celso Bugallo ou Luis Tosar.

- Cursiño de Voz que, cunha duración de 24 horas, recibiron os membros de Tiruleque durante os meses de Outubro, Novembro e Decembro de 2005, impartido por Santiago Fernández, actor e director de teatro, dobraxe e televisión. Licenciado en Arte Dramática, foi profesor de Declamación no Conservatorio Superior da Coruña durante doce anos. Ten colaborado coas compañías Tespis, Teatro Circo, Escola Dramática Galega e Casahamlet, da que, xunto con Manuel Lourenzo, foi fundador

- Representación de varios cadros, algúns con improvisacións, sobre textos de “¡Marchando, unha de tolos!” no “II Festival Benéfico José Luis Vázquez” o 26 de Novembro de 2005.

- Membros de Tiruleque, participan no Obradoiro de Teatro de Segundo Nivel 2006, impartido por Sarabela en Ourense.

- Recital de poemas de Lugrís Freire o día 16 de Maio de 2006, na Casa da Cultura do Carballiño, co gallo do día das Letras Galegas 2006

- Novo Cursiño de Iluminación Teatral de 16 horas organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado e celebrado no Auditorio de Cangas do Morrazo, os días 27 e 28 de Maio do ano 2006. Impartido por J. Salvador Del Río Pérez.

- Participación de membros de Tiruleque no “III Festival Benéfico José Luis Vázquez” o 18 de Novembro de 2006, a prol de Movemento contra a Violencia de Xénero

- Tiruleque, Grupo de Teatro é invitado pola Comisión das Festas do San Cibrao do Carballiño a dar o Pregón das Festas o día 14 de Setembro de 2007, representando no balcón do Concello unha pantomima a xeito de cidadáns da antiga Roma.

- Participación de membros de Tiruleque no “IV Festival Benéfico José Luis Vázquez” o 23 de Decembro de 2007, a prol de Aldeas Infantís.



- TRABALLOS LITERARIOS:

-Adaptación e traducción ó galego do Entremés de Cervantes O VELLO CELOSO. (Xosé Prada)

-Adaptación do texto de ASINARIA de Plauto, en galego (Javi Lorenzo, Clara Vázquez, Xosé Prada):

Logo de botar durante un mes traballando na obra de Plauto, ASINARIA, adaptando o texto do escritor latino á unha época de finais do século XIX ou principios do XX, finouse un texto en galego do que TIRULEQUE, Grupo de Teatro, pode dicir a boca chea que non só se sinte orgullosa diso, senón que se conseguiu un texto de grande valor literario. Conservouse a estructura da obra que sigue asentándose nos cinco actos, con tódalas escenas que no seu inicio foron deseñadas por Plauto, engadíndoselle catro personaxes máis dos que aparecen no orixinal.

- MIL PESOS PARA CARMIÑA estreouse no Auditorio do Carballiño o 26 de Outubro de 2001.

Repúxose, a petición popular o 31 de Maio de 2002, tamén no Auditorio do Carballiño.

Abriu o Festival das Noites Teatrais de Vilamarín o 15 de Xullo do 2002.

Representouse en Beade o 7 de Setembro de 2002.

Fíxose outra representación o 28 do mesmo mes en Seixalvo co gallo da Semana Cultural da A.C. San Breixo.

Representouse en Carballeda de Avia o 12 de Outubro de 2002, dentro dos actos culturais da IV Romaría de Outono da A.C. Lodairo.

Unha vez máis, o 10 de Novembro de 2002, no salón social da A. de Veciños de Partovia, co gallo da presentación das novas instalacións ós socios e veciños de Partovia.

A última representación desta comedia foi ante o público ourensán, o 22 de Novembro de 2002, no Teatro Principal de Ourense, dentro da programación organizada polo Padroado.



MEMORIA DE ACTIVIDADES QUE SE PRETENDEN REALIZAR


Manter en espera a obra teatral ¡MARCHANDO, UNHA DE TOLOS! dividida en seis cadros. Obra de crítica social. A acción desenvólvese nun manicomio, entre tolos, enfermeiros e médicos con situacións choqueiras e sisudas sentencias en boca dos tolos. O texto, xa rematado, escrito polo propio grupo, está en reserva, e neste intre apartado dos proxectos inmediatos do grupo, xa que se lle déu preferencia ás representación da comedia-farsa en cinco actos, SILICON VALLEY, escrita por Xosé Prada Martínez, quen tamén dirixe a súa posta en escena.

SILICON VALLEY


A ÚLTIMA POSTA EN ESCENA:

Hai algún tempo que, TIRULEQUE, Grupo de Teatro comezou a procura dun novo texto literario que se axeitase ás necesidades do grupo, tanto no estilo como no tipo de obra. Queriamos unha comedia ou unha farsa, de ser posible en prosa, mellor xa escrita orixinariamente en galego para non ter o traballo de traducila, como ocorreu con Asinaría de Plauto, e cun número de personaxes non inferior a dez.

No primeiros meses do ano a obra estaba seleccionada. O grupo de actores inclinouse pola comedia de Agustín Magán Blanco: FARSA PLAUTINA.

A obra ten un texto orixinal apousentado sobre seis comedias de Plauto, nos que Agustín Magán traballou facendo unha “contaminatio” e aportando a súa sabenza. Podemos distinguir entre outras comedias de Plauto, a “Xemelgos”, “Gurgullo” ou “Miles Gloriosus”.

TIRULEQUE, Grupo de Teatro comezou a traballar no texto da obra para actualizar algunha das súas frases máis conxunturais, adapta-los personaxes ás necesidades e número de actores cos que conta o grupo, e logo de un mes de labor e discusións barallando ideas, comezaron os ensaios cun texto ó que e lle deu o título máis rechamante de: ESTÁN TOLOS ESTES ROMANOS. Hoxendía, debido a que anda polos escenarios unha obra que se desenvolve no mundo dos deuses gregos do Olimpo, mudóuselle o nome inicial polo de <<ROMA: UNHA TOLERÍA!>> Once actores interpretan ós dezaseis personaxes, facendo algún actor ata catro personaxes distintos, segundo as necesidades do momento teatral. Desgraciadamente, como ocorre con tódolos grupos de teatro afeccionado, as horas de ensaio, hipotecadas polo traballo profesional de cada un dos actores; foi atrasando día tras día a estrea. Amais, o traballo sobre esta obra tívose que deixar en espera durante meses para poder atende-las demandas da representación de Silicon Valley. Nembargante, arranxados ó fin tódolos atrancos puidemos chegar á tan esperada estrea.

ARGUMENTO (Máis ou menos)

Ladino, senador romano, e a súa dona Imperata, teñen dous fillos xemelgos: Filipo e Alonso.

Nunha tempestade no mar do Peloponeso, perden ó pequeno Filipo, e dende entón múdanlle o nome a Alonso, o fillo que lles queda, chamándolle Filipo en memoria do desaparecido.

Pasan os anos e, cando esperan ó seu fillo Filipo que ven de regreso dunha viaxe de negocios, cóntanlle a perda dun dos seus fillos a Rillamillas, un velliño que anda polo mundo adiante buscando á súa filla Leticia, roubada polos piratas cando nena e, posiblemente, vendida a unha domus lenocinii; ou sexa a unha casa de putas.

O mozo, Filipo (Alonso), volve desa viaxe comercial traendo consigo a Lúa, unha escrava da que está namorado, pero para disimula-los seus sentimentos tenta metela na casa paterna como serva, a pesares dos consellos de Farfallas, outra experimentada criada que lle advirte de que o seu pai, Ladino, non deixa pasar ocasión de levantarlle as saias ás escravas.

Filipo, para que Lúa non se vexa cargada de traballos, merca, como agasallo para súa nai, unha nova criada chamada Coral, á alcaiota Lestina, e encoméndalle a esta última que agache a Lúa, na espera das súas ordes.

Nembargante, Lestina, xa denantes deste trato, vendéralle a Coral ó capitán Mataducias, un guerreiro que, acompañado do soldado Trincapiollos, anda por Roma gabándose de mil fazañas e que, entre os contos de tantas batallas ganadas e tantos inimigos vencidos, recruta a Gurgullo, un liberto con máis fame que Carpanta, para que o axude a engrosa-lo seu exército.

Cando Mataducias descobre que Lestina vendeu á escrava Coral sen respecta-lo seu trato, arma unha patulea de mil demos, con ameazas de morte a tododios, non habendo defuntos a quen enterrar porque Filipo ponlle coto a tanta ferocidade.

Aparece en escena Filipo II, o fillo de Ladino e Imperata a quen daban por afogado, e a quen todos toman polo seu irmán xemelgo, Filipo I, creándose unha confusión nas criadas e incluso nos seus propios pais.

En tanto, Ladino quere pasar pola pedra canta criada se lle poña por diante, e procura amaña-lo casorio de Lúa con Cacafefe, un escravo palastrán, e así meterse na cama de Lúa, namentres Cacafede ande ós biosbardos.

Filipo I, desesperado perante este inminente casorio que o privará da súa namorada, vai na procura dunha árbore na que enforcarse ó non atopar remedio nas súas súplicas a Xúpiter, que non fai milagres pero da bos consellos.

Imperata cheira que Ladino lle quere adorna-la fronte cuns bos cornos, e para burlar ó seu marido convence ó escravo Trasegas, un borrachelas, para que, disfrazado de noiva, se faga pasar por Lúa, case con Cacafede e... máis aínda: marchen de lúa de mel; viaxe á que tamén se apuntará Ladino, coa esperanza pillar na cama a Lúa, que afirma unha e outra vez que destripará a quen tente desvirgala...

A cousa segue...

 

O día 7 de Xullo de 2006, ás 23 horas, “ergueuse o pano” de ROMA, UNHA TOLERÍA! no Auditorio do Carballiño, con grande éxito e a presencia de 533 espectadores confirmados.

Representouse o día 28 e Xullo de 2006, no salón da Antiga Escola de Cotelas – Piñor, ás 21’30 horas.

Repúxose no Auditorio do Carballiño, o sábado día 28 de Outubro de 2006 ás oito da tarde.

Presentouse o día 9 de Decembro de 2006, ás nove da noite, no Teatro Principal de Santiago, dentro do V Festival Agustín Magán que organiza a FEGATEA.

Representouse o día 16 de Marzo de 2007 no Salón de Actos do Edificio da Terceira Idade de Vedra (A Coruña), ás nove da noite, dentro da actividade do IV Festival de Teatrofilia.

Representouse ás nove da noite do día 7 de Xullo de 2007 no Salón de Actos da Casa de Cultura de Xinzo de Limia (Ourense).

Novamente, ás 11 da noite do 20 de Xullo de 2007, no salón do Edificios Multiusos de San Cristovo de Cea (Ourense), dentro das actividades do Verán Cultural.

Representouse ás oito da tarde do día 22 de Xullo de 2007 no salón de actos da Escola de Beariz (Ourense).

Representouse ás 22’30 horas do día 24 de Agosto de 2007 en Chantada (Lugo) co gallo do XVII Festival de Teatro que organiza a Asociación Centro Teatral Faro-Miño.

Representouse ás 19 horas do día 28 de Outubro de 2007 no Salón de Actos da Casa de Cultura de Ferreira de Pantón (Lugo. (10).

Están previstas sendas representacións, o día 29 de Marzo de 2008 no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar (Ourense), e o día 5 de Abril no Teatro Principal de Ourense.

Carballiño, a 12 de Febreiro de 2008