Arredor de O
sabre do francés
Miguel Anxo Fernández
O sabre do francés,
malia publicarse en xuño de 2002, comezou a súa andaina
uns cinco anos antes porque o proceso da creación literaria non
só debe ser rigoroso senón que ademais ten pouco de doado.
Sobre todo cando o autor é consciente de que as letras permanecen
no tempo que dure o soporte de papel, naturalmente superando a existencia
do propio autor. De aí que escribir á lixeira e polo feito
de escribir, xeralmente conduce a nada. Debo recoñecer que previamente
a estes relatos de corte histórico e ton de de aventuras, xurdiron
despois de facer outros de cine, que finalmente gardei na « neveira
» durante unha temporada, e que verán a luz nos vindeiros
meses.
A literatura histórica require
un esforzo suplementario porque esixe documentarse sobre o período
no que situar as tramas. Sobre todo para acadar a credibilidade do lector,
á parte da pericia que o autor teña para reflectilo en verbas.
O proceso de documentación foi lento e laborioso. Non só
requiriu de fontes escritas (que son escasas e complicadas de acadar),
senón tamén de visitas a museos (Lisboa, A Coruña,
Pontevedra…). As fontes orais, considerando que os relatos de O
sabre do francés transcorren no 1809, eran imposibles
malia que a tradición oral recolle aínda polas nosas aldeas
(sobre todo na xente maior) algunhas lendas ou feitos ambientados durante
a Francesada ou Afrancesada, que ambos nomes son válidos.
Rematado o volume, logo de pasalo á correxenda e á opinión
dunha especialista lingüística, pois un autor remata cegándose
de tal xeito que lle resulta imposible controlalo todo, e despois de pasalo
tamén á lectura de varias persoas, sentinme animado a envialo
á editorial Galaxia, a nome do daquela responsable editorial por
baixo de Carlos Casares, o amigo Damián Villalaín. Damián
apostou polo libro pero quedaba o OK do propio Casares, que o deu logo
de ler o relato Son un aceiro. O libro sería
o último contrato asinado polo chorado Casares. Para min é
un motivo de persoal orgullo que o autor de « Ilustrísima
» apoiara este libro.
Desas resultas, hai relatos que toman feitos históricos como referentes,
e outros son recreacións.
O gaiteiro achégase á batalla
de Pazos de Arenteiro, que rematou nunha xornada sanguenta e que segundo
as fontes, deixou 200 mortos entre as tropas francesas arribadas desde
Ribadavia. A súa ponte, sen petriles e moi desmantelada
para aquel dramático encontro, é testemuña muda daqueles
feitos.
A carne de caza, de corte fantástico
e cunha trama case « gore », polo tanto non é realista,
sen embargo arranca dun feito acontecido no Vigo intramuros, cando un
grupo de franceses matou a dous paisanos nunha fonda logo dunha discusión.
Ordes son ordes é unha fantasía
en clave contemporánea que se me ocurreu a partir da nova de que
a comezos dos anos setenta, un labrego que traballaba unha leira en Piedrafita,
atopou o esqueleto dun soldado francés. Ese feito e o texto que
cito ó final (as fontes son reais), levoume á trama.
Unha alborada de coitelos naceu a partires dun
grupo de soldados que procuraron refuxio na rectoral da pontevedresa San
Xurxo de Sacos.
Cando Ney chegou a Ponte Sampaio céntrase
na rivalidade dos mariscais Soult e Ney, real, que ademais se atoparon
en Lugo e despois en Monforte, arrancando tamén do feito da batalla
de Pontesampaio.
Son un aceiro, que antes levaba o título
do volume de relatos, O sabre do francés, pese a arrancar do elemento
fantástico de dar voz a un sabre, tódolos feitos e tódolos
ambientes son rigorosamente históricos. Escollín o sabre
como fío conductor, pois considerando que son douscentos anos de
historia os que abrangue a súa vida, tampouco podía incorporar
a un personaxe de carne e óso. O resultado deixoume moi satisfeito,
e mesmo recoñezo que quizais admitía evolucionar de relato
a novela curta.
Cen moedas de ouro recrea o feito histórico
de que o crego do Carballiño agachou durante uns días a
un francés na súa igrexa. Cando soubo que as súas
tropas pasaban por Maside cara a Ourense, devolveullo. O oficial ó
mando quixo recompensalo, pero o crego preferiu deixarlle os cartos ó
soldado para que se pagase o seu equipamento.
Foi un afeitado histórico é un exercicio
de reinterpretación do conto « Volunto » de Emilia
Pardo Bazán, escritora vencellada ó Carballiño, que
ademais (e como recollo no encabezamento do relato) viviu na casa onde
eu vivo. Pardo Bazán ten outro relato ambientado no tempo dos franceses
(do que ela seguramente escoitou testemuñas directas de xente viva),
pero escollín este porque me permitía incidir no retrato
psicolóxico.
O puzo da tola arranca dun caso real acontecido
en Penausende, unha vila que teño confusamente localizada na fronteira
de Ourense con Zamora. O do cadáver desenterrado que os franceses
obrigan a soterrar na igrexa baixo o rito católico, foi así.
A posterior represión, tamén.
En A viña da rectoral xunto o que pasou
en moitas aldeas coas partidas dirixidas por cregos. Unha montaxe paralela
entre o francés e o crego, permitiume un xogo moi cinematográfico.
Finalmente, O baúl
dos adeus é un relato fantástico con ingredientes
de drama. O curioso é que se sumou ó libro moi a última
hora (o orixinal xa estaba na editorial) e fíxeno en a penas dúas
semanas.
Hai tamén nos relatos unha influencia cinematográfica que
non podo obviar. Incluso literaria. O cine de Ford (O gaiteiro), de Peckimpah
(A viña do rectoral), do Ridley Scott de « Los duelistas
» (Cando Ney chegou a Ponte Sampaio), de Huston (Unha alborada de
coitelos), de Aldrich ou Siegel (Ordes son ordes)… Da literatura
de Stevenson en Son un aceiro, de Poe en A carne de caza.
A un escritor resúltalle complicado respostar a pregunta de se
ten algún favorito entre os seus relatos porque son fillos do mesmo
pai. Estou satisfeito de todos, pero recoñezo que me sinto particularmente
contento de A viña da rectoral, Ordes
son ordes e O baúl dos adeus.
Pero, insisto, todos me satisfacen.
|