|
LENTURA

(Pulsar imaxe para agrandar)
1. Memoria
2. Ficha técnica
3. Ficha artística
4. Guión
5.
Plano da rodaxe
6. Galería de
imaxes
l e n t u r a:
1. memoria
“Lentura” é coma un
conto que os avós lle contan ós seus netos cando son cativos.
Unha muller maior ten que deixala súa casa no campo e irse a vivir
á cidade coa súa filla. Pero non consegue adaptarse entre
o asfalto e os coches; o único aliciente que encontra é
a compaña da súa neta. A través dunha historia cotiá,
“Lentura” esbózanos unha serie de problemas que acucia
a sociedade galega. Sempre parella ó medio rural, Galicia agora
sofre o envellecemento da súa poboación e o abandono das
súas aldeas e terreos de cultivo. Ademais, como transfondo descubrimos
o importante papel que supón a muller na nosa sociedade; primeiro
no agro e despois na cidade, vemos como o peso do cotián cae sempre
sobre os seus hombros.
A curtametraxe “Lentura” supón o punto
de partida para a productora Os filmes da píntega, é o seu
primeiro escalón no mundo profesional do audiovisual. Este proxecto
é froito do esforzo e a ilusión dun grupo de xente que xa
colaboráramos no terreo aficionado. Xuntos trataremos de que este
soño teña continuidade no tempo.
O equipo técnico que levou a cabo a creación
desta película está formado por xente xove, que pouco a
pouco van gañando en experiencia e saber facer. A colaboración
en anteriores ocasións garante o perfecto acoplamento á
hora de traballar. Ademais, engadimos o asesoramento directo da Escola
de Imaxe e Son da Coruña.
Ademais, á fronte do equipo técnico temos
a Pachi Baranda e Manuel I. Nanín, unhos valores en alza no actual
panorama audiovisual galego, como así o demostran os seus dous
premios máis recentes: 1º Premio no I Premio de Videocreación
da Universidade de Vigo 2002 e Premio Mostra Eixo Atlántico de
vídeo amateur no VII Festival Internacional de Cine Independente
de Ourense (OFF) 2002.
Como guinda para este equipo temos un espléndido
reparto artístico que mistura actores xa consagrados con xóves
promesas. Así, entre o elenco podemos destacar a presencia de Luis
Tosar, Celso Bugallo, Dorotea Bárcena e Jouse García.
Con respecto á laboura de producción, debemos
destacalos acordos expresos cos Concellos de Boborás e Ourense.
En ambolos dous casos a ilusión por este proxecto transmitíusenos
nunha total liberdade para rodar e un total apoio loxístico. Tanto
a TVG como CANAL PLUS manifestáronnos a súa interese pola
compra dos dereitos de emisión. Ademais, engadimos o asesoramento
directo da Escola de Imaxe e Son da Coruña.
En canto á iniciativa privada contamos cun bo
puño de empresas como colaboradores, como: MAFIA RECORDS-Carballiño,
CENTRO COMERCIAL PONTE VELLA-Ourense, FRIGORÍFICOS FLORINDO-Carballiño,
HACIENDA DON ISMAEL-San Amaro, DISCOTECA MAXIM´S-Carballiño
e EMPRESA MONTAÑESA-Carballiño.
O principal obxetivo que perseguimos con “Lentura”
é chegar ó público dende as emocións, conseguir
que a nosa historia sexa creible e que lle guste ó público.
Para facer que a curtametraxe sexa vista polo meirande número de
espectadores, realizaremos unha laboura de difusión por festivais,
cadeas de televisión locais, autonómicas e estatais. Ademais,
buscarémola distribución da curtametraxe co vídeo
aluguer e pases en sáas comerciais antes de películas españolas.

2.ficha
técnica
unha producción de plácido baranda p.c.
/ “escola de imaxe e son” a coruña
un filme de pachi baranda e manuel i. nanín
equipo técnico:
axudante de dirección:
mónica cortés
imaxe: txapu
iluminación e cámara: antonio nogueira
e elena crespo
son: óscar fernández e iván vivas
música: diego mosquera
montaxe: ramón agra
script: omar rabuñal
producción: tatiana garcía, marta f. alberte,
eva pardo,
manuel alejandro viqueira, xosé manuel pérez e iván
gayoso
así se fixo: dani méndez e elena crespo
foto fixa: marta f. alberte e dani méndez
maquillaxe e perruquería: silvia estévez
empresas colaboradoras
ponte vella centro comercial
lito seoane peluqueros
empresa montañesa, s.l.
frigoríficos florindo
hacienda don ismael
discoteca maxim´s
hotel restaurante o xardín
cer & ber
unha curtametraxe subvencionada por:
· i.c.a.a. ministerio de educación, cultura y deporte
· consellería de cultura, comunicación
social e turismo xunta de galicia
· e concello de boborás
rodada os días 13, 14 e 15 de xuño de 2003
en ourense, o carballiño e boborás
formato 35 mm
son dolby sr
duración 13’30”

3. equipo artístico
dorotea bárcena
celso bugallo
clara vázquez
luis tosar
alba fuentes
xosé anxo otero
dani méndez
chicho carballido
agustín caderno
icía castro iglesias
jouse garcía

4. guión:
1 GASOLINEIRA / ESTRADA – EXT – DÍA
Ó pé da bomba hai un Ford Escor coa mangueira metida no
tanque, votando gasolina. Dentro do coche agardan SARA e ARTURO, ela ten
41 anos, el anda polos 44. Están casados, viven na cidade e van
ó campo a buscala súa filla AURORA( 7 anos).
Na radio do coche óense as novas, en concreto o tempo.
LOCUTOR RADIO:
Hoxe o día amañeceu soleado e todo indica que será
un fermoso día de primavera,...
Sara mira pola ventá. Do outro lado da estrada hai un ancián
sentado sobre un poste quilométrico. O home mira para ela fixamente,
leva posto un traxe anticuado e unha boina. Ó seu carón
ten unha cesta.
ARTURO:
Ti dí o que queiras, pero a prósima vez volta en autocar.
SARA:
¿En autocar? Pero Arturo, aínda é unha nena.
ARTURO:
Xa non é tan nena.
Eu xa estou canso de collelo coche e chupar carretera. Ademáis,
a gasolina está cada vez máis cara.
O mozo da gasolineira retira a mangueira do tanque e despide ós
clientes.
MOZO GASOLINEIRA:
Boa viaxe.
Arturo prende o coche e sae da gasolineira. Mira o tráfico e incorpórase
ó seu carril.
Na beira da estrada queda o ancián sentado.
2 VEIGA NUNHA ALDEA GALEGA – EXT – DÍA
Vemos a ANTÓN (73 anos), un home do agro galego, de constitución
forte, conserva todo o seu cabelo aínda que cheo de canas. As súas
mans son grosas. Está nunha veiga ó ermo. Ten unha presa
de terra collida coas mans e déixaa caer entre os dedos.
ANTÓN:
Ten lentura
Preto del está a súa muller, AMPARO (70 anos), sentada
nun valado de pedra coa súa neta Aurora. Amparo tamén é
unha muller do agro, coa cara chea de enrugas e as máns con cortes.
Aurora pregúntalle á avoa.
AURORA:
Avoa, ¿qué fai o avó coa terra?
AMPARO:
Aloumíñaa.
AURORA:
¿E por que o fai?
AMPARO:
A terra hai que mimala, é a nosa vida.
A nena érguese do valado e vai para xunto do avó. Cólleo
dunha man, untada de terra.
AURORA:
Por que non me contas outra vez o do cabalo do mouro
O avó agáchase pegado a Aurora, pon un xeonllo no chan
e fixa a vista no hourizonte.
AVÓ:
Hai moitos anos, aquí vivía un mouro que era o dono de todos
estes agros. Os nosos antergos votárono e roubáronlle as
terras. O mouro refuxouse nunha cova no medio da seara. Din que cando
alguén deixa os seus eidos ó ermo, o mouro manda ó
seu cabalo e lévao consigo.
3 VEIGA / CURRAL DA CASA – EXT - DÍA
Chegan os pais da nena que veñen a buscala. Sara baixa do coche
e vai en dirección á veiga para reunirse cos seus pais e
coa filla. Amparo, súa nai, vai ó seu encontro.
Namentras, Arturo sae do coche, saca un cigarro, préndelle lume
e queda a esperar.
Ó chegar onde a súa nai, Sara vótalle un brazo por
riba do hombro.
SARA:
Mamá, tendes que deixalos traballos do campo.
AMPARO:
Dillo a teu pai, sabes o terco que é.
SARA:
Xa non sodes unhos nenos, e a terra dá moita faena.
Vemos como o avó lle dá un bico á neta. Aurora vota
a correr deica a nai e a avoa, para un intre e vírase deica o avó.
Antón dille adeus coa man.
Arturo vota o cigarro ó chan e esmágao co zapato, despois
sube ó coche.
Aurora dalle unha aperta á súa nai.
AMPARO:
Dille a túa nai o ben que te tratamos. ¿A qué che
quedaron gañas de voltar?
A nena asinte e dalle un bico á avoa, logo sube na parte de atrás
do coche. Axina, baixa o cristal.
Sara ven de xunto do seu pai.
SARA:
Mamá, coidádevos moito.
Nai e filla danse unha aperta e Sara sube ó coche.
4 INTERIOR FORD ESCOR – EXT - DÍA
Arturo pon o coche en marcha e despídese da sogra dende a fiestra.
ARTURO:
Deica outra, avoa.
AMPARO:
Adeus, vai a modiño.
De xeonllos no asento de atrás, Aurora mira pola ventá
como se alonxan da casa. O coche vai por un carreiro, rodeado dunha carballeira.
O avó segue na veiga mentres a avoa dilles adeus coa man.
O coche chega a un cruce coa estrada principal e para.
A nena segue ollando para o carreiro que leva á casa do avós.
Vé un cabalo branco todo engaiolado que vai en dirección
á casa dos avós.
ARTURO:
Voltamos á civilización.
Arturo arranca e xira dirección á cidade.
Vemos como o coche se alonxa.
CORTA A SEC.5
5 CAMPOSANTO ALDEA – EXT - DÍA
Estamos nun funeral, o do avó Antón. Darredor do nicho
hai moita xente e un cura, pero só notamos a súa presencia.
Alguén, que non distinguimos, ten unha presa de terra nas mans,
a terra escúrreselle entre os dedos. O resto que aguanta na man
tíraa ó nicho.
CORTA A NEGRO.
6 DORMITORIO DE AURORA – INT – NOITE.
Acéndese unha luz.
Sara entra na habitación e Amparo olla dende a porta, coma con
medo. A estancia é pequena. Hai só unha cama, ten roupa
e unha boneca enriba. Sara quítalle todo e pono nunha beira.
SARA:
Esta é a vosa cama.
A avoa entra observando as paredes do cuarto, con debuxos en papel pegados,
caixas apiladas e un pequeno escritorio con cadernos e lápices
de cores.
Sara xa rematou de acomodala cama e incorpórase. Nai e filla míranse.
SARA:
De momento, terás que dormir aquí, despois, máis
adiante,... xa veremos.
7 DORMITORIO DE AURORA – INT – NOITE.
Na habitación somentes hai a luz da cidade que entra pola ventá.
Na cama dorme Aurora. Esperta e xírase. No lado onde debería
durmir a avoa, a roupa está retirada. Amparo olla pola ventá,
cunha man pegada ó cristal.
AURORA:
Avoa, ¿non durmes?
A avoa, dase a volta sen moverse do sitio, mira para a neta e vírase
outra vez deica a ventá.
AMPARO:
Agora me deito, ti acouga.
FUNDE A NEGRO.
8 RÚAS DA CIDADE – EXT – DÍA.
ABRE DE NEGRO
As rúas están cheas de coches. No paso de peóns
vemos a Amparo con Aurora collida da man, esperan a que pare algún
coche.
Frena un coche e despois outro. Cruzan. A avoa olla con desconfianza
para os conductores e cruza sin perder de vista os vehículos.
Chegan á parada do bus e Amparo dalle un bico á neta.
AURORA:
Adeus, avoa.
¿Hasme vir esperar?
AMPARO:
Claro que si, miña rula.
A cativa sube e acomódase ante a mirada da avoa .
O bus arranca e Amparo mira como se alonxa. Detrás del vai unha
ringleira de coches.
9 RÚAS DA CIDADE / FROITERÍA – EXT – DÍA.
Amparo vai pola beirarrúa ollando os edificios, os coches,...
un pouco desorientada. Para diante dunhas caixas de froita, repara nos
precios.
AMPARO:
Mira que están caras as leitugas.
10 RÚAS DA CIDADE / PARQUE – EXT – DÍA.
A avoa segue pola beirarrúa e vé un parque do outro lado
da rúa. Párase e cruza sen mirar. Frena un coche que case
a atropela. O conductor saca cabeza pola fiestra, braceando.
CONDUCTOR:
¡Señora! ¡¿E que anda durmida?!
Amparo agacha a cabeza e segue ata o parque. Fíxase nun banco,
vai para el e senta.
Dende o banco observa o estado do parque, concentrada, sen prestar atención
ó seu arredor.
Vemos como os coches se alonxan.
11 AUTOCAR / RÚAS DA CIDADE – EXT – DÍA.
O autocar está parado, Aurora agarda de pé a que se abra
a porta traseira. Ó abrir descubre na parada do bus a Amparo agardándoa.
Aurora baixa e a avoa dalle un bico.
AMPARO:
¿Qué tal che foi?
AURORA:
Moi ben. Hoxe saímos ó parque a debuxar...Despois déixoche
ver o meu debuxo.
AMPARO:
Mira ti, eu hoxe tamén fun ó parque...
Danse da man e collen camiño da casa.
12 PISO CIDADE – INT – DÍA.
Soa o timbre, vai abrir Arturo. Abre e entran Amparo e a neta.
ARTURO:
(mofándose)
¿Qué avoa? Está un bo día para pasear...
Amparo segue sen decirlle nada, mirándoo de reollo.
13 DORMITORIO DE AURORA – INT – NOITE.
O cuarto está escuro. Amparo observa a cidade dende a fiestra.
O resplandor das luces dos coches danlle na cara por veces.
14 RÚAS DA CIDADE – EXT – DÍA.
Amparo mira como se alonxa o autocar do colexio e despidese da neta coa
man.
Despois sae outra vez polas rúas.
15 RÚA / DROGUERÍA – EXT / INT – DÍA.
Amparo párase e olla o escaparate dunha droguería, onde
hai unhas ferramentas de labranza á venda.
16 PISO CIDADE – INT – DÍA.
Na sáa, sentadas nun sofá, a neta e a avoa están
vendo os debuxos que troixo do colexo.
Namentras, pola porta da cociña vemos a Arturo e a Sara. Ela está
secando a louza e o marido fálalle ó ouvido.
Amparo mira de reollo mentres a neta lle fala dos debuxos.
AURORA:
...este outro gostoulle moito a todos, sobre todo o cabaliño.
Arturo apreta por detrás a Sara, vírandose de vez en cando
para comprobar que a sogra segue coa neta. Segue a decirlle cousas pegado
á orella, pero ela empúrrao para que se aparte.
A avoa atópase incómoda porque falan cun ton baixo de voz
e as miradas de reollo do xenro. Pero disimula cos debuxos da neta, mostrando
máis interese.
AMPARO:
E logo...¿Había un cabalo no parque?
AURORA:
¡Non tal!
Este cabalo vino noutra parte e...
Da cociña sae Sara secándose as mans e Amparo ergue a vista
para cruzala mirada coa súa filla. Sara evítaa. Aurora pídelle
a avoa a súa atención. Seguen a mirar os debuxos.
17 RÚAS DA CIDADE – EXT – DÍA.
Entre o medio dos coches vemos a Amparo, que leva unha bolsa con ferramenta
e a neta collida da man, coa carteira do colexio ó lombo.
AURORA:
¿A onde imos, avoa?
AMPARO:
É unha sorpresa.
Xa verás como che gusta.
Vemos como o autocar do colexio arranca dende a parada.
18 RÚAS DA CIDADE – EXT – DÍA.
Un coche frena de golpe, o conductor mira sorprendido para o outro lado
da rúa.
Un viandante para e tamén mira con sorpresa, outro peón
tamén.
Noutro coche unha muller fai o mesmo.
19 RÚAS DA CIDADE / PARQUE – EXT - DÍA
Amparo e Aurora están no parque. A avoa ten varias gáveas
feitas e cava outra. A neta, mentras, vota a semente diante da atenta
mirada da avoa.
AMPARO:
Así, así, estas a facelo moi ben.
Aurora agáchase e colle unha presa de terra na man, despois déixaa
escurrir entre os dedos.
AURORA:
Avoa.
Ten Lentura.
AMPARO:
Si, ruliña.
Co bo tempo que fai, e regándoas un chisco, verás que rápido
medran.
20 RÚAS CIDADE / PARQUE – EXT - DÍA
Vemos un camión parado que arranca e deixanos ó descuberto
a un axente da policía local que camiña pola beirarrúa.
O policía xírase deica o parque e queda parado ollando
como traballan Amparo e Aurora.
CORTA A:
21 PISO CIDADE – INT – DÍA.
Amparo e Aurora están sentadas no sofá, cabizbaixas. Dende
a entrada ven a voz de Arturo despedíndose do policía.
ARTURO:
Adeus, moitas gracias por todo.
O home entra na sáa e queda mirando para as dúas “culpables”,
inquisidor, pero elas non se inmutan.
Despois diríxese a súa muller.
ARTURO:
Sara, tes que esplicarlle á túa nai que xa non está
na aldea e que na cidade non se poden prantar verzas en calqueira curruncho.
SARA:
Arturo...
AMPARO:
Eu..
ARTURO:
Señora, vostede mellor cálese...
Por hoxe xa fixo dabondo así que...
Menuda vergoña,... todo o barrio vaise rir de nós...
22 DORMITORIO DE AURORA – INT – NOITE.
A habitación está a escuras, coma sempre, o único
resplandor que entra pola ventá son
as luces fugaces dos coches da rúa.
Na cama vemos a Amparo desvelada
23 RÚAS CIDADE – EXT – DÍA.
Vemos a Amparo esperando na parada de bus, leva unha regadeira consigo.
Chega o autocar e baixa Aurora. A nena dalle unha aperta.
AURORA:
Avoa.
AMPARO:
Hola, ruliña.
Mira o que troixen.
Amparo ensínalle a regadeira e trócalla pola carteira da
escola. A neta alégrase e dalle a man a avoa. Xuntas saen en dirección
ó parque.
24 RÚAS CIDADE / PARQUE – EXT – DÍA.
Amparo e Aurora cruzan a rúa e chegan ó parque. Alí
ven que hai unhos obreiros arredor do anaco que sembraran elas. Un deles
apoiase no mango dunha sacha mentres olla como o outro pasa un angazo
polo terreo cavado.
A avoa deixa caer a carteira ó chan e solta á neta da man.
Diríxese os operarios para pedir esplicacións pero as verbas
non lle saen.
AMPARO:
Non pode ser.
OBREIRO 1:
Señora, ¿non sería vostede a que fixo esta desfeita?
AMPARO:
O noso traballo.
OBREIRO 2:
Se tiña tantas gañas de cavar, podía avisar que lle
deixaba a miña sacha.
OBREIRO 1:
Se quere, agora tamén pode pasarlle o angazo ou prefire prantar
unhas patacas.
Mentras, na beirarrúa vemos ó ancián da secuencia
1, observando a escea cos obreiros.
Aurora, que está a observar a escea dende atrás, mira para
o fondo. Semella que víu algo entre os coches parados.
Un cabalo branco avanza pola rúa, entre as ringleiras de coches.
Ninguén semella darse de conta non sendo a cativa.
25 RÚAS CIDADE – EXT – DÍA.
Entre o medio dos coches chega o autocar do colexio á parada.
Ábrese a porta e baixan algúns rapaces, despois baixa Aurora.
Olla en tódalas direccións, pero non hai ninguén
esperándoa.
Vota a andar ela soa.
26 RÚAS CIDADE / PARQUE – EXT – DÍA.
Dentro dos coches parados, en ringleiras, vemos conductores sorprendidos
ollando para o parque. Tamén algún dos viandantes se para
extrañado.
Aurora está a regar, ós seus pés vemos unhas fermosas
leitugas.
A cámara érguese e amósanos as rúas cheas
de coches que se alonxan. Entre os coches ollamos como ven o ancián
das secuencias 1 e 24. Trae consigo unha sacha ó lombo.
A imaxe segue subindo ata ver o hourizonte cheo de edificios.
F IN
Pachi Baranda
Versión 3.0.
Venres, 8 de novembro de 2002

6.GALERÍA
DE IMAXES:
|