AUSENCIAS

1.
Que é
2. Ficha técnica
e artística
3. Un encete
4. Unha Galiza de cine
5. Galería de
imaxes
Ausencias:
1. Que é
Ausencias é ese anaco de nós que temos nas mans pero que
dun xeito ou doutro sempre se nos escapa entre os dedos.
A usencias é ese apertón de mans. Ese desexo infinito de
que o tempo non te devore, e se o fai, que non sexa unha derrota xa anticipada.
Ausencias é ese bocadiño da memoria agochado no regazo
do corazón que nos mantén vivos.
Ausencias tamén é ese baleiro que nos asolaga despois
da certeza infinita de que ás veces non é posible.

2.ficha
técnica e artística
ficha técnica
dirección e guión : manuel i. nanín
produción : marta f. alberte e manuel i. nanín
cámaras súper 8 e hi 8 : josé manuel mouriño
montaxe : josé manuel mouriño e manuel i. nanín
script : pachi baranda
música : eva barcala
son : manuel i. nanín
foto fixa : marta f. alberte
duración : 20 minutos
gravación voz en off : óscar fernández
rodada e gravada os días 16, 17 e 18 de agosto do 2005 na chanca
(longoseiros – o carballiño), no carballiño e na praia
de bascuas (montalvo – pontevedra)
ficha artística
daniel méndez
icía castro iglesias
tía concha
xano a. fernández
sinopse
un rapaz grande decide un día quedarse dentro
a porta de saída non abre
e el pouco a pouco está cada vez máis ausente de si
contacto
manuel iglesias nanín
longoseiros, 58
32500 o carballiño
ourense
e-mail : aqueloutro@hotmail.com
tlef. : 635479281 / 988272421

3. Un encete:
Cando me propoño contar unha historia non me preocupa a comprensión
da mesma, interésame máis a sinceridade do que se narra
e a sinceridade dos personaxes, porque creo que partindo diso, un, como
autor, pode chegar a acariñar o sentimento e a emoción do
espectador, e é aí onde se agocha a tan anhelada complicidade
entre ambos.
Nunca entendín o cine coma un pasatempo. Paréceme que
como arte que é pode e debe aportar ó espectador “algo
máis” que unha simple e sinxela diversión. Tamén
creo que na procura dese “algo máis” é onde
podemos atopar un dos seus moitos encantos.

4. Unha Galiza de cine:
Xa se leva un bo mangado de anos falando do Cine nesta nosa Galiza. Agora
xa nin somos capaces de poñernos de acordo na maneira de chamarlle,
se audiovisual, se películas, se cine, ata tv movies... non sei!
Xa se leva, como dicía, un mangado de anos e todo apunta a que
a cousa vai ir a peor, e digo peor pois porque si, porque non hai esconxuro
que nos libere de tanto iluminado.
Queremos estar onde ao mellor non podemos estar e aspiramos a ser o que
ao mellor tampouco podemos ser. Que hai bos profesionais, ninguén
o discute. Entón, por que non se atopa treixadura para que saia
a tan anhelada película galega? E por que ten que saír?
Non será que estamos un pouco ausentes de cultura, e un pouco moito
de vergonza, decencia e sinceridade. E que aínda encima nos agroman
por todos os lados artistillas capaces de facer dun brochazo un cadro
e dun premer o rec unha curtametraxe, un documental ou unha longametraxe.
Non será tamén iso!? So abonda con dar unha volta por calquera
festival, certame, ou chámalle como queiras, ou tomarte unha cervexiña
nalgún chiringuito onde estes locen e relocen ó seu antollo
(porque entre eles ademais danse de comer) para ver todo o que nos alimenta
de cultura. Este tema si que é de película! De verdade!
Nesta Galiza todos temos algo que contar e cada cal máis interesante.
E o peor de todo é que todo vale e todo funciona. E aínda
o peor de todo é todo este mamoneo de iluminados que seguen mantendo
a este Noso País na subcultura máis absoluta. Agora, o que
ten mérito é que do feito de que todo vale saben quitar
premio, e iso si que xa é a hostia. Porque, chegados a este punto
é cando a cousa xa é para preocuparse, porque entón
algo erra entre esta veciñanza galega. E despois aínda te
atopas a moitos destes artistas nun altar e defendendo con toda paixón
a súa obra, e non te atrevas a discutirlle os seus valores artísticos,
porque aí si que xa a cagaches. E como di o dito: “Onde non
hai, non se pode pedir”. Pero aquí pídese, e o peor
é que non hai, pero dáse, e esa é a gran desgraza
do galego.
Cando falamos de Cine Galego, que queremos dicir? De que estamos a falar?
Dunha película dobrada ao galego e xa? De negocio? De cultura?
De que? Se somos capaces de fusilar baixo o alumear da Torre de Hércules
e contra un paredón a novela de Manolo Rivas “O lapis do
carpinteiro”. E tamén ousamos gatear polos teitos da Catedral
de Santiago para pórlle os pés enriba e baixo o lostregante
reflectir das pedras da nosa capital sucumbir á profundidade abisal
do soar de “Trece badaladas”. Por subliñar soamente
dúas das xa frondosas obras cumes do Cine Galego. E moitos a isto
chámenlle Arte! Bufff!!!
Témolo todo e non temos nada, porque sempre hai algún tipo
máis listo ca ti, e ese tipo, polo común, adoita ser un
impresentable. E falo sen temor e con consecuencia, nunha Galiza poboada
de caciques e clientela, onde o listo de antes
é abrazado e consentido porque nunca se sabe o que pode pasar.
Este é o medo inherente ao galego. E non hai xeito nin maneira
de desfacernos del.
Está claro que ás veces o mellor é facer o que moitos
(aínda que polo de agora aínda poucos): dedícate
a levar a bo cabo as túas obras de arte na intimidade e compárteas
coa familia e cos colegas e non vaias por aí provocando nin demostrando
o teu absoluto baleiro de vergonza.
Dubido moito que o Cine Galego (e os torrentes do cine español
tamén) dependa da oportunidade de que algunha porta se poida abrir
ou non, nin da TVG (a horas intempestivas), nin de... Eu encamíñome
máis polo carreiro do sentido común, e o que non pode ser
non pode ser e non pasa nada, e o día a día seguirá
e a trapallada tamén seguirá sendo trapallada, e se un día
o sol asoma cunha cor diferente pois todos encantados e a darnos “palmaditas”,
que iso si que o sabemos facer, e ademais moi ben.
O que tamén é desacougante son as loanzas ás xa innumerables
series da TVG, todo son bicos e agarimos, e, sinceramente, paréceme
excesivo. Non podemos discutir do tecnicamente ben feitas que están
e do bonito envoltorio co que nos son presentadas (a día de hoxe,
isto é o mínimo que lle pides a calquera produto a ofrecer),
pero non deixamos de seguir mergullados no típico, tópico,
mastigado e máis que rumiado, e así unha tras outra, e así
as mesmas caras, e así a abrollar produtoras en cada esquina que
torces. E isto non ten pinta de mellorar. E a subcultura a seguir pacendo
neste frondoso pasto dunha Galiza cada vez menos verde.
E o que hai é un negocio ben artellado, e os que están ben
montados nel non queren por nada que isto se desmonte. E nos venden o
seu produto (porque non se lle pode chamar doutra maneira) grazas á
colaboración de medios escritos, radios e televisións, tanto
públicas como privadas, rexionais ou locais, e dentro de pouco
ata caviladas para acompañarnos a emporcar o retrete. A hostia!!
E o magoante é que alén do Padornelo nin nos coñecen,
e iso pasa porque nin nós mesmos somos capaces de recoñecernos
entre tanta parafernalia de alfombras vermellas, luces, flashes e Mestres
Mateos de “non te metas que te mordo”.
E o enorme teto da Mamá Xunta aínda segue dando para chupar
e chupar a todos estes Artistas Iluminados de chaqueta e pantalón
de segunda man, perilla e patillas recortadas, camiseta ou chapa ou pin
con mensaxe orixinal na solapa do peito, todo moi informal, agora, iso
si, moi ben coidado, e todo por aquilo de “eu, á miña
bola, e máis que nada, diferente”, e se a ocasión
o precisa, como non, ben acicalados que na foto saímos todos (ou
case).
O chamado Audiovisual Galego non é máis que un bo campo
de traballo do que algúns espelidos quitan bo froito, e onde hai
xente moi ben preparada e disposta a exercer do que a tradición
di de nós, e iso tradúcese no de sempre: somos e seguiremos
a ser un pobo de man de obra barata! Porque, facer cine en Galicia sae
barato, e o estrago de diñeiro que se está a facer é
de escándalo. De verdadeiro escándalo!
E isto é o que temos. Quero dicir. Estou a falar.
Non sei, quería dicir.
Ou si sei, non o sei.
manuel i. nanín

6.GALERÍA
DE IMAXES:
|