inicio máis... S.Cibrán de Lás

A CIDADE DE SAN CIBRÁN DE LÁS

LANSBRICA

 

(Pulsar na foto para agrandar)

 

A Cidade de San Cibrán de Lás é un xacemento que, pola súa configuración formal e monumental, constitúe un verdadeiro arquetipo dos castros da etapa final da cultura castrexa, coincidente coa romanización do NW peninsular.

As escavacións realizáronse en tres fases moi separadas no tempo: Entre 1922 e 1925 dirixeas don Florentino López Cuevillas; paralízanse despois ata 1948-49, datas nas que as reanuda don Xaquín Lorenzo Fernández.

Finalmente dende 1980 prodúcese o reinicio, con novas escavacións e a recuperación das descobertas anteriores.

A importancia histórica do xacemento vinculase coa primeira sistematización da cultura castrexa realizada por Cuevillas.

Pero tamén resulta importante pola súa propia grandiosidade e pola avantaxe de coñece-lo seu nome antigo: LANSBRICA, que aparece nunha das tres inscricións aparecida ata o momento. Unha, na porta do solpor do recinto central, fragmentada; outra, breve e sobre unha rocha cunha adicatoria a Iuppiter; a terceira, unha ara adicada a Bandua Lansbrica, na que se recoñece a raiz do topónimo local, testemuñado tamén por algúns documentos medievais.

O castro, un dos de maior superficie de Galicia, está constituído por dous recintos amurallados, dispostos de xeito case concéntrico e lixeiramente alongados no senso norte-sur.

A croa, recinto central, está delimitada por unha muralla simple, aínda que forte -acada nalgúns puntos tres metros e medio de ancho- de cachotería e bolos graníticos. A altura actual é pequena en relación coa conservada no tempo das primeiras escavacións. O acceso á parte alta faise por escadas embebidas nela, sinxelas ou de dobre derrame, ou con pedras sobresaintes do muro, descoñecéndose cómo era o remate e altura total destas murallas.

As entradas deste recinto ábrense nos extremos do eixo leste-oeste, defendidas con cubos e, nestes unhas habitacións ó xeito de corpos de garda, con rebanco corrido. No interior do recinto escaváronse varias construccións, polo de agora todas illadas e de planta diversa, algunhas con piso lousado e nunha delas, reaproveitado no piso, un fermoso relevo dun trisquel.

O segundo recinto é moi amplo e ten as súas defensas moi reforzadas nos sectores do sur e poñente con foxo, segunda muralla, foxo e un parapeto dianteiro do que só restan os alicerces. O foxo escavouse directamente na rocha base, que serviu de canteira para as murallas.

As portas do segundo recinto, de carácter tamén monumental, non teñen unha orientación tan definida como as do recinto central, coñecéndose na actualidade tres: unha, ó sudeste; outra no sur, e a terceira no solpor defendida por un muro dianteiro coa súa propia porta. Teñen tamén cubos laterais e corpos de garda.

Próxima á porta do poñente está a fonte-alxibe, orixinal construcción realizada ó redor dunha mina de auga e un depósito anexo, con escadas para descender ata o fondo na época de seca e que permitía, nas de abundancia, o rebose a través dun pasadizo cortado na muralla que desauga no foso e que no seu tempo, ó igual que a mina, debeuse cubrir con falsa bóveda.

As escavacións neste segundo recinto, revelaron a existencia dunha trama urbana, con rúas perimetrais e transversais, algunhas de grande amplitude e lousadas e outras simples canellas. A partir destas rúas organízase a distribución das contruccións, que aparecen formando grupos organizados, con acceso dende a rúa a un espacio común ó que abren as portas de varias construccións, definindo claramente o que se chama casa-patio, aínda que hai outras de tipo máis sinxelo.

Non tódalas contruccións dunha casa-patio son do mesmo momento, xa que é fácil observar reformas e engadidos, aínda que resulta difícil precisar a cronoloxía concreta, pois os niveis ocupacionais presentan materiais moi homoxéneos.

Os materiair recuperados nas escavacións, moi variados, podense ver no Museo Aequeolóxico Provincial de Ourense.

Datos, fotos e debuxos tomados do folleto turístico do: CONCELLO DE SAN AMARO E A XUNTA DE GALICIA (CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO).

Diseño da páxina, enlaces e galería de fotos de: Amancio Carballido




GALERÍA DE FOTOS