inicio literatura Benxamín Vázquez

BENXAMÍN VÁZQUEZ


1. O autor

2. A obra

 

1.O autor

Benxamín Vázquez González naceu no Carballiño en data incerta. Tiña 14 anos cando se trasladou coa familia a Compostela. No 1960 cursou os estudios de Dereito en Oviedo. Alí decatouse de que as naturezas xurídicas non o atraían. Marchou a Madrid para estudiar na Escola Oficial de Periodismo, onde se graduou cun traballo de investigación sobre "Pablo Iglesias, político y periodista", daquela impublicable. Volveu a Galicia e, desde Compostela, traballou diariamente na procura de noticias para El Ideal Gallego e os xornais da desaparecida cadea Edica. Director xerente dunha fundación privada e director de programas dunha productora audiovisual, en 1993 comezou a traballar na redacción do Consorcio de Santiago. Realizou centos de guións para a TVG e tamén escribe o que lle encarguen.

Había uns trinta anos que andaba matinando, tecendo e destecendo, na narración de Cando soñar é canso - a súa primeira e ata agora única novela- onde desenvolve unha historia soñada, por riba do tempo, co ánimo de dar que pensar a cada lector. Os atrancos para remata-lo soño, iniciado sobre o papel durante o inverno de 1994, foron do máis diverso.

 

 

2. A obra: Cando soñar é canso

Editorial: Vigo. Ir Indo Edicións, 2003

Sinopse:

Este libro é unha crónica acontemporánea, alucinante, máis ca unha simple novela de aventuras. Baste dicir ó chou que o Mestre Mateo, Salvador García-Bodaño, Claude Lévi-Strauss, Pedro Laín Entralgo, Corydon, Branca Rodríguez, Lola Alemparte, Ana Ozores de La Regenta,... e ata máis dun cento de personaxes de hoxe e de onte, reais ou de ficción, aparecen nun fabuloso e aloucado soño coral, descrito e construido por un home -ou por tres a un tempo, ¿Quen sabe?- cunha fonda e irresistible obsesión amorosa. Nos lindeiros dun inquedante pesadelo, o soñador levanta unha historia na procura dun tempo feliz, nunca alcanzado plenamente. En calquera caso, aínda que soñar canse, entre pingueiras de humor e ironía, paga a pena chegar ó final do soño, ata o mesmo punto devecido, onde todo o soñado se apraza. E segue...